16 ene 2014

Podes visitar o noso sitio web dende a páxina do noso colexio.



Agora podes visitar o noso sitio web dende a páxina web do noso colexio, nela poderás atopar moitos outros recursos, como é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Colexio, ou o blog dos Xogos Florais, competición lírica na que somos pioneiros, o blog doDepartamento de Inglés...

Asi mesmo e grazas ó noso colexio estamos máis cerca de todos vos, intercambiando coñecementos e tendendo pontes.

Esperemos que vos guste o noso sitio web.

13 ene 2014

Coas mans na masa.

Comezou o traballo!,os membros do Equipo de Debate do Colexio Divina Pastora xa "estamos coas mans na masa", traballamos duro no vieiro de construir un grupo de mulleres e homes "nados para debater".
Polo momento deixámosvos unhas fotos, do noso equipo.

25 dic 2013

Xa temos FOTO OFICIAL da LIGA DE DEBATE


O derradeiro día de clases, venres, 20 de decembro, un chisco antes do Festival de Panxoliñas, fixemos esta foto na biblioteca para formalizar o que será un traballo extenuante e ilusionador de varios meses de investigación e debate.

Durante o Aninovo verémonos para concretar lecturas e roles. Por en canto, velaquí está un BO EQUIPO DE DEBATE a priori.

PARABÉNS A TODOS ELES E BENVIDOS A UNHA NOVA EDICIÓN DO PARLAMENTO NOVO 2014.




16 dic 2013

Xa temos novo MEMBRO do Equipo

Logo dun cásting moi cirúrxico, o Equipo de Debate da DIVINA PASTORA Franciscanas Ourense dá a benvida a Elena Blanco González, alumna de 1º A de bacharelato.

A súa exposición de inicio versou sobre o retroceso sexista da nosa sociedade amparada nun argumento histórico-cinematográfico e, tamén, sobre a intolerancia homofóbica dos países da Unión Europea. A súa disertación durou 4 minutos e 34 segundos.

Estivo apoiada polos membros do Equipo de Debate do ano pasado.

Parabéns a todos os novos membros

SAPERE AUDE!



15 dic 2013

Xa temos o tema de debate deste ano.

Click on the slide!Segundo o estudo Evolución de la adolescencia española sobre la igualdad y la prevención de la violencia de Género, elaborado pola Delegación do Goberno para a eliminación desta lacra e presentado hai escasos días, o 28,8% das adolescentes recoñece ter sufrido un "control abusivo" por parte da súa parella e, ademáis, o 4% asegura que sufriu agresións físicas por parte do seu mozo.
Noutra orde de cuestións, meses atrás coñecíase a nova dun norteamericano de 14 anos, Jamey Rodemeyer, que se suicidaba tras denunciar o bulling sufrido no instituto por parte dos seus compañeiros cando coñeceron a súa condición homosexual. Un posterior estudo de Human Rights Campaign confirmaba que o 51% dos 10.000 mozos homosexuais enquisados, manifestaban teren sido acosados verbalmente por compañeiros e un 17% declaraba, ademáis, sufrir algún tipo de agresión física.
Con estes datos riba da mesa, a organización do PX´14 ten a ben centrar o debate da fase preliminar sobre a seguinte cuestión: Sofren as novas xeracións un retroceso sexista e na tolerancia ás diferenzas persoais?

na web oficial do parlamento Xove.

14 dic 2013

Cásting para oradores.

O vindeiro luns, 16 de Nadal, logo do remate das clases, o coordinador da Liga de Debate e antigos membros do Equipo de Debate do ano pasado, farán unha última selección para escoller a unha oradora de 1º de bacharelato e completar o equipo que formarán para participar na competición de oratoria Parlamento Xove 2014.

A proba consistirá nunha exposición de cinco minutos sobre o tema escollido para debater na fase preliminar a partir do febreiro. O tema é: Sofren as xeracións vindeiras un retroceso sexista e na tolerancia ás diferenzas persoais?

Sorte a todas e que o cuarto membro acompañe a Ana Arias, David Cebreiros e Carlos Seoane.

7 abr 2013

Unha experiencia inesquecíbel.

O pasado sábado rematou por unha parte, e sí, digo por unha parte, a gran andaina que a inicio deste ano comezamos o equipo de debate do noso colexio Divina Pastora, formado por Carmen, Elena, Jorge e o noso mestre Xián, e claro eu mesmo.
Nun comezo foron días de moita angueira, nos que nos atopábamos un chisco perdidos, sen saber, que tiñamos que facer ou se seríamos quen de facelo. Por non falar dos posicionamentos, ou de cómo refutar, ou mesmo da estructura do debate. Pero alí estaba o capitán que a fume de carozo, nos redirixía e botaba unha man sen importar o día ou a hora. El sempre estaba, para axudar ou para rifar se era preciso, xa foran as tres da tarde ou a unha da noite. E así, pasaron os días.
E chegou o un de marzo, e alí iamos no autobús cara Bergondo, qué experiencia! 
Chegamos o fermoso Pazo de Mariñán, e celebrouse o sorteo e tocounos o número trece, e como di Xián “e non somos supersticiosos”, a primeira quenda sería contra o La Salle, duro rival e con gran reputación dos outros anos, o segundo co Galén de Lugo e por último, cos limiegos do IES Antioquía.
Con certo temor, polo que nos viña ó día seguinte, o rematar a cea artellamos o Cuartel de estudo na habitación dos rapaces. Elena de esguello andaba a voltas co discurso, mentres Carmen agobiada pelexábase co seu, Jorge algo gripado lía o dossier e eu a preparar as evidencias. Mentras tanto Xián supervisaba o traballo. Finalmente as catro fúmonos para cama.
E chegou o sábado e con el a acción, tiñamos que ir a por todas, o La Salle requeríao. 
E alí estaba todo o equipo unido, e se había un que decaía sempre había outro que animaba, e o esforzo e o traballo, logo dun igualado e esgotador debate tiveron resultado, e a vitoria foi nosa.
Coa adrenalina polas nubes, a seguridade e o “por que non”, viñeron de corrido, tralo xantar comezou o debate contra o Galén, e segunda goleada, debate gañado. Semellaba que esto non era tan dificil, e como tódalas sobremesas son doces o terceiro debate, foi outra vitoria máis para nosoutros.
Regresabamos para Ourese satisfeitos co terceiro posto e agradecendo cada un de nós, no noso pensamento o duro traballo feito, nos días anteriores, para obteren este resultado. Todo fora preciso, até os meus coñecementos de Economía, grazas Keyness, que fuches o meu argumento ó longo da xornada de debate.
O descanso durou poucos días, chegaba a segunda avaliación e con ela o intenso estudo de tódalas materias. Finalmente chegaron as notas, e as vacacións de Páscoa, pero con elas comezaba a preparación do novo tema: valórannos polo que somos ou polo que aparentamos.
E foi deste xeito como acompañamos o noso tempo de lecer, coas pesquisas e a lectura de dossieres a sopor do tema. A meteoroloxía estaba da nosa parte, e non apetecía tanto saires a rúa, porén as xornadas facíanse máis levadeiras.
O tema aínda que aparentemente non semellaba moi difícil, tiña o seu aquel, defender que a sociedade nos valora polo que aparentamos, excluíndo as nosas moitas competrencias persoais, non sei eu…
Foron xornadas de fichas ARE, de evidencias, de estudo, e de mentalizarnos de que tiñamos que defender incluso o indefendíbel. No espirito do grupo estaba presente o sentimento de que “nós podíamos”, e do “malo será”, en troques, a realidade e que había de ser un pouco de todo, un pouco de sorte, un pouco do xurado que nos avaliase, un pouco da posición argumental que nos tocara, e como di Xián, tamén da “intercesión do deus Cronos”.
Chegou o venres cinco de abril, e cos “tarecos” ó lombo, fumos de camiño cara Santiago. Eu ía satisfeito e tranquilo, satisfeito polo traballo que todos realizamos e tranquilo, por ter feito todo o posíbel.
Xa na capital da “Nazón de Breogán”, enfrontámonos ó equipo revelación do IES de Foz. O debate estivo moi animado e interesante dende o minuto un, alí saltaban faíscas a mancheas. E acompañándonos e apoiándonos atopábanse, os nosos amigos do colexio filipense de Vilagarcía e o seu capitán Xan Guillén, xunto coa exalumna de Xián, Alba Muñoz.
Rematamos o debate cunha sensación de igualdade, pero finalmente, os xuíces déronlle o pase ó equipo focego, por moi pouca marxe, pero o pase a Final.
O meu equipo algo desgustado, e cos apoios de Xián, asumíuno, era o que había, non deixaba de ser a opinión do xurado.
O sábado chegou a final e o acto de peche do Parlamento Mozo 2013, na sede da soberanía do noso país. A sensación de vernos alí foi moi gratificante e máis, ó recibir o Premio ó mellor artigo e ó mellor blog do 2013, pero aínda que non estaba mal o importante era o que nos quedaba dentro, a experiencia e a tranquilidade do traballo feito o mellor que poidemos, qué poderiamos facelo mellor, por suposto, pero que puxemos o máximo de cada un, tamén.
E para finalizar quero aproveitar esta ocasión para agradecerlle a todo o equipo, incluido o capitán, a ocasión de poder traballar canda vós, e recibirme como un máis, recén aterrizado no colexio, dende o primeiro momento sentinme entre amigos. Grazas. 
E escomezaba dicindo que a andaina remataba tan só nunha parte, por que pola outra o equipo continua e esperamos voltar o Parlamento o vindeiro ano, eso se Xián e os exames, así o queren…
Así que velaquí tedes a nosa experiencia nunhas poucas liñas, liñas que non poderán resumir todo o que vivimos xuntos, pero se tivese que definiren o vivido, diríavos que foi inesquecíbel e todo un éxito, por que o éxito é rodearse de xente que en todo momento ensínache e apórtache cousas novas, e con eso é co que me quedo!


                                                                                                                       Serxio María.