Artigos

ARTIGOS DE OPINIÓN 2013


          ARTIGO DE OPINIÓN EN CONTRA: A MAQUINARIA DA SOCIEDADE DE CONSUMO por Carme Rodríguez e Serxio María Rodríguez. Colexio Divina Pastora Ourense

A mocidade sabe o que se agocha tras o consumo, sabemos perfectamente que é un recipiente inzado de nada. Somos a cuarta xeración do laissez faire, laissez passer, da utopía neoliberal de Milton Friedman, do Taylorismo e Fordismo quen, a principios de século xurdían como forzas renovadoras, que prometían bonanza e felicidade. Dende Chicago, fomos reeducados co ideal do “american dream” que pretendía saciar as ansias de liberdade con mobles prefabricados e moda pronto a vestir. Porén, non se pode falar de consumo e responsabilidade porque toda a nosa vida xira en torno a unha “liberdade encarcerada”. Como afirman Marino Pérez e Yago Di Nella, catedráticos en Psicoloxía, a sociedade de consumo busca que a xente estea insatisfeita: a felicidade hoxe dura dous escaparates. E que actitude está a exercer a mocidade insegura respecto a esta situación? Entra en amnesia. Sofre dunha amnesia aceptada e coa resignación das xeracións que a precederon posto que estas ratificaron unha ética imposta en detrimento dunha persoal. Ao parecer, xa só somos HOMO CONSUMENS, apenas portadores de cartos e só en canto os portemos seremos importantes e útiles no contexto global. O signo da dignidade do mocidade tamén radica na súa capacidade de compra e na súa condición política en "ser consumidor". Trátase dunha servidume voluntaria onde a xuventude se atopa como nunha cela feita da cultura que brinda o sistema: a indiferenza, a desinformación, a desconfianza en si e no outro, a relaxante alienación, as carencias educativas e, por suposto, o desprezo da utopía. “Canto custa esta?”: era a pregunta fundamental na obra de George Orwell, “1984” e agora, tres décadas despois, é a mesma. Tan só somos subprodutos inacabados que pretenden acadar o “nirvana estético” do mundo: o supremo no medio de supremas aparencias. Mesmo cando o consumo acabe por consumirnos, a máquina continuará en marcha. A cuestión non é se a ausencia de cartos cría unha xuventude máis ou menos responsable, senón que mentres o consumo se erixa como meta, a  nosa responsabilidade será vacua, dado que o trasfondo será sempre o mesmo, o gasto, ergo, a extinción. Dime canto consomes que che direi canto vales. Debemos parar esta obsoleta máquina: Mocidade, estamos en tempo!

--------------------------------------------------------------------------

ARTIGO DE OPINIÓN A FAVOR: “A REALIDADE XA É DE CAMBIO”, por Elena Bangueses e Jorge Cordero. 1º A de BCH. Colexio Divina Pastora Ourense.

“A crise é a mellor benzón que lle pode suceder a persoas e países, porque a crise trae progresos. A creatividade nace da angustia. Quen supera a crise, supérase a si mesmo sen quedar superado” Adoptemos a visión de Albert Einstein á nosa complexa realidade. A nosa sociedade medra e a mocidade con ela.
A situación é clara ante nós, desorientados nun deserto sen solución. Problemas, dificultades aparentemente insalvábeis; así se nos presenta un futuro que non parece ter folgos para o cambio. Pero o futuro conformámolo todos, mozos e mozas do hoxe. Nosoutros, os máis concienciados da historia. Os máis informados da actualidade do seu tempo. E o máis importante, os máis conscientes de que algo debe cambiar. Fomos educados nun ambiente no que as “crises psicolóxicas” solucionábanse con recheos materiais. Ateigamos as nosas tendas e baleiramos os nosos petos. Fixemos desculpa do noso consumismo desmedido co motivo da suposta felicidade que este proporcionaba. O pasado que nos persegue é o presente que nos ata. E este presente, por moito que pese, é de involución.
Porén, durante a crise nace a inventiva, nacen os descubrimentos e as grandes estratexias. A flor a solidariedade, no intento de pórse na pel do outro. E con isto a cooperación, a forza, os grupos, as gañas, a crítica, os exames de conciencia... Todo tipo de valores que xa foran aprendidos polos nosos devanceiros en situación semellantes. Aprendamos de todos aqueles que xa superaron o que nós aínda non, e fagamos do problema motivo de avance. A historia é cicloxenética e; polo tanto, tras a tempestade, ben a calma. Fagamos, mozos, a reconquista dunha sociedade exemplar digna de ser imitada por todos aqueles que sufrirán o que nós estamos a aturar.
A nosa mocidade, áureo tesouro, está a ser o folgo que din non existir. Fillos da tecnoloxía, espertos do noso soño, estamos a facer do esforzo o noso lema, e da concienciación, a nosa maior afiliada. Porque ser conscientes fainos responsábeis. E a responsabilidade albisca solucións. A nosa loita non é a de David contra Goliat malia todas as adversidades que se presenten. O que facemos hoxe, mañá tornará recompensa. Agardemos con impaciencia. Ou mellor, actúemos con ela. Porque a vitoria macera  e medra devagar, como sempre medraron as vitorias no corazón dos mozos de ben.