7 abr 2013

Unha experiencia inesquecíbel.

O pasado sábado rematou por unha parte, e sí, digo por unha parte, a gran andaina que a inicio deste ano comezamos o equipo de debate do noso colexio Divina Pastora, formado por Carmen, Elena, Jorge e o noso mestre Xián, e claro eu mesmo.
Nun comezo foron días de moita angueira, nos que nos atopábamos un chisco perdidos, sen saber, que tiñamos que facer ou se seríamos quen de facelo. Por non falar dos posicionamentos, ou de cómo refutar, ou mesmo da estructura do debate. Pero alí estaba o capitán que a fume de carozo, nos redirixía e botaba unha man sen importar o día ou a hora. El sempre estaba, para axudar ou para rifar se era preciso, xa foran as tres da tarde ou a unha da noite. E así, pasaron os días.
E chegou o un de marzo, e alí iamos no autobús cara Bergondo, qué experiencia! 
Chegamos o fermoso Pazo de Mariñán, e celebrouse o sorteo e tocounos o número trece, e como di Xián “e non somos supersticiosos”, a primeira quenda sería contra o La Salle, duro rival e con gran reputación dos outros anos, o segundo co Galén de Lugo e por último, cos limiegos do IES Antioquía.
Con certo temor, polo que nos viña ó día seguinte, o rematar a cea artellamos o Cuartel de estudo na habitación dos rapaces. Elena de esguello andaba a voltas co discurso, mentres Carmen agobiada pelexábase co seu, Jorge algo gripado lía o dossier e eu a preparar as evidencias. Mentras tanto Xián supervisaba o traballo. Finalmente as catro fúmonos para cama.
E chegou o sábado e con el a acción, tiñamos que ir a por todas, o La Salle requeríao. 
E alí estaba todo o equipo unido, e se había un que decaía sempre había outro que animaba, e o esforzo e o traballo, logo dun igualado e esgotador debate tiveron resultado, e a vitoria foi nosa.
Coa adrenalina polas nubes, a seguridade e o “por que non”, viñeron de corrido, tralo xantar comezou o debate contra o Galén, e segunda goleada, debate gañado. Semellaba que esto non era tan dificil, e como tódalas sobremesas son doces o terceiro debate, foi outra vitoria máis para nosoutros.
Regresabamos para Ourese satisfeitos co terceiro posto e agradecendo cada un de nós, no noso pensamento o duro traballo feito, nos días anteriores, para obteren este resultado. Todo fora preciso, até os meus coñecementos de Economía, grazas Keyness, que fuches o meu argumento ó longo da xornada de debate.
O descanso durou poucos días, chegaba a segunda avaliación e con ela o intenso estudo de tódalas materias. Finalmente chegaron as notas, e as vacacións de Páscoa, pero con elas comezaba a preparación do novo tema: valórannos polo que somos ou polo que aparentamos.
E foi deste xeito como acompañamos o noso tempo de lecer, coas pesquisas e a lectura de dossieres a sopor do tema. A meteoroloxía estaba da nosa parte, e non apetecía tanto saires a rúa, porén as xornadas facíanse máis levadeiras.
O tema aínda que aparentemente non semellaba moi difícil, tiña o seu aquel, defender que a sociedade nos valora polo que aparentamos, excluíndo as nosas moitas competrencias persoais, non sei eu…
Foron xornadas de fichas ARE, de evidencias, de estudo, e de mentalizarnos de que tiñamos que defender incluso o indefendíbel. No espirito do grupo estaba presente o sentimento de que “nós podíamos”, e do “malo será”, en troques, a realidade e que había de ser un pouco de todo, un pouco de sorte, un pouco do xurado que nos avaliase, un pouco da posición argumental que nos tocara, e como di Xián, tamén da “intercesión do deus Cronos”.
Chegou o venres cinco de abril, e cos “tarecos” ó lombo, fumos de camiño cara Santiago. Eu ía satisfeito e tranquilo, satisfeito polo traballo que todos realizamos e tranquilo, por ter feito todo o posíbel.
Xa na capital da “Nazón de Breogán”, enfrontámonos ó equipo revelación do IES de Foz. O debate estivo moi animado e interesante dende o minuto un, alí saltaban faíscas a mancheas. E acompañándonos e apoiándonos atopábanse, os nosos amigos do colexio filipense de Vilagarcía e o seu capitán Xan Guillén, xunto coa exalumna de Xián, Alba Muñoz.
Rematamos o debate cunha sensación de igualdade, pero finalmente, os xuíces déronlle o pase ó equipo focego, por moi pouca marxe, pero o pase a Final.
O meu equipo algo desgustado, e cos apoios de Xián, asumíuno, era o que había, non deixaba de ser a opinión do xurado.
O sábado chegou a final e o acto de peche do Parlamento Mozo 2013, na sede da soberanía do noso país. A sensación de vernos alí foi moi gratificante e máis, ó recibir o Premio ó mellor artigo e ó mellor blog do 2013, pero aínda que non estaba mal o importante era o que nos quedaba dentro, a experiencia e a tranquilidade do traballo feito o mellor que poidemos, qué poderiamos facelo mellor, por suposto, pero que puxemos o máximo de cada un, tamén.
E para finalizar quero aproveitar esta ocasión para agradecerlle a todo o equipo, incluido o capitán, a ocasión de poder traballar canda vós, e recibirme como un máis, recén aterrizado no colexio, dende o primeiro momento sentinme entre amigos. Grazas. 
E escomezaba dicindo que a andaina remataba tan só nunha parte, por que pola outra o equipo continua e esperamos voltar o Parlamento o vindeiro ano, eso se Xián e os exames, así o queren…
Así que velaquí tedes a nosa experiencia nunhas poucas liñas, liñas que non poderán resumir todo o que vivimos xuntos, pero se tivese que definiren o vivido, diríavos que foi inesquecíbel e todo un éxito, por que o éxito é rodearse de xente que en todo momento ensínache e apórtache cousas novas, e con eso é co que me quedo!


                                                                                                                       Serxio María.

No hay comentarios:

Publicar un comentario